top of page

BIOGRAFÍA

  • w-flickr

Tito Asorey coñece o teatro da man de Ánxeles Cuña no grupo de teatro Tarumba da Universidade Laboral de Ourense. Na súa etapa universitaria (1996-1999) vincúlase á Aula de Teatro Universitaria "Maricastaña", dirixida por Fernando Dacosta, coa que participou en montaxes como Hamlet, O País das Últimas Cousas ou Conto de Inverno. No ano 2000 intégrase no elenco estable da compañía Sarabela Teatro, coa que traballou de xeito ininterrompido ata o ano 2010, participando en todas as montaxes da compañía estreados durante eses anos (O lapis do carpinteiro, Sexismunda, Así que pasen cinco anos, O Heroe, Margar no Pazo do Tempo, A Esmorga, Don Hamlet, etc). No ano 2011 pasa a formar parte do elenco da última produción de Ur Teatro, Macbeth, dirixida por Helena Pimenta. Como actor foi nomeado aos Premios María Casares no ano 2002 pola obra A conxura dos necios, galardón que recibiu no ano 2010 pola súa interpretación en A Esmorga. No ano 2014 incorpórase ao reparto da serie de televisión Serramoura, da produtora Voz Audiovisual, emitida con grande éxito pola TVG. 

 

Paralelamente a súa experiencia como actor comeza dende o ano 2000 a súa carreira como director de escena en múltiples coletivos teatrais, como o Grupo de Teatro Tarumba, co que foi galardoado nos anos 2007, 2008 e 2010 co Premio Nacional de Teatro Joven "Buero" ao mellor espectáculo polas súas montaxes Remanente#1, Mort e Don Juan, que foron representadas na sede do Centro Dramático Nacional. Dende o ano 2007 dirixe o Grupo de Teatro Muxicas, composto por actores e actrices invidentes. No ano 2010 dirixe para a compañía Teatro de Adro o espectáculo Ai Carmela!, de Jose Sanchis Sinisterra. No ano 2013 comeza a traballar como axudante de dirección na Compañía Nacional de Teatro Clásico, nas montaxes El lindo Don Diego, de Agustín Moreto, dirixida por Carles Alfaro, La noche toledana, de Lope de Vega, dirixida por Carlos Marchena, e La cortesía de España, de Lope de Vega, dirixida por Josep María Mestres. 

 

No ano 2012 remata os seus estudos superiores en Dirección de Escena e Dramaturxia na ESAD de Galicia, e funda xunto a Melania Cruz, Fran Lareu, Fernando González e Laura Míguez a compañía ilMaquinario Teatro, coa que pon en escena o espectáculo O Home Almofada, de Martin McDonagh, espectáculo nomeado a seis premios María Casares e cuxa versión en castelán (El Hombre Almohada) estrenase no ano 2014 na carteleira madrileña.  No ano 2014 dirixe a segunda montaxe desta compañía, Perplexo, de Marius Von Mayenburg, que é premiado con cinco premios María Casares, entre eles o de Mellor Espectáculo e Mellor Dirección. 

 

Outra faceta que destaca na súa carreira profesional é a súa adicación á docencia teatral en varias institucións como a Aula de Teatro da Universidade de Vigo (Campus de Ourense), a Aula de Teatro da Universidade de Santiago (Campus de Lugo), así como moi diversas asociacións culturais e centros educativos. 

 

d

CURRICULUM VITAE

bottom of page