top of page

PERPLEXO

DE MARIUS VON MAYENBURG

ILMAQUINARIO TEATRO

ESTREADO O 31 DE OUTUBRO DE 2014

 

PERPLEXO é o segundo espectáculo de ilMaquinario Teatro, a compañía creada por Tito Asorey, Fran Lareu, Melania Cruz, Fernando González e Laura Míguez. Trátase da estrea mundial desta obra, tanto en galego como en castelán. Durante o ano 2015 estará de xira por Galicia e será estreada en castelán no mes de Outubro. Recibiu na súa estrea numerosas críticas positivas, ensalzando a calidade dos intérpretes así como a súa coidada e arriscada posta en escena. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

SINOPSE

 

Laura e Fernando volven a casa despois das vacacións, mais ao pouco de entrar perciben nela pequenos pero estraños cambios: unha nova planta aparece na cociña, o seu gato non está por ningures e a luz está cortada por falta de pago, aínda que uns amigos da parella, Fran e Mela, quedaron ao coidado das cousas na súa ausencia. Cando esta nova parella aparece en escena a situación da un xiro, pois semella que eles son os verdadeiros e lexítimos propietarios da vivenda.

A perplexidade de Laura e Fernando ante a nova situación transfórmase en aceptación, rematando por retirarse da vivenda… de quen é realmente a casa? Quen son realmente eles? Tiveron algunha vez un gato? Cando Laura e Fernando volven aparecer na casa, fano baixo o rol do fillo e da au-pair da outra parella. A partir deste momento a peza sucederase nun continuo xogo de intercambio de roles, onde o espectador será trasladado a un vertixinoso devir de escenas onde os actores-personaxes deberán transformarse para adecuarse a unha realidade en constante cambio.

O teatro pasa a converterse nunha metáfora da nosa realidade actual, onde todos temos que impoñernos determinadas máscaras sociais para facer fronte ás novas situacións que a vida nos presenta. A cuestión é: que queda de nós mesmos ante esta vertixe de personalidades múltiples? Quen somos realmente?

A peza, na que os personaxes teñen o mesmo nome que os actores que a interpretan, xoga dun xeito audaz co teatro dentro do teatro para falar, de maneira tremendamente cómica, de temas de tanta actualidade como son a procura dunha identidade propia, a pervivencia do fascismo na nosa sociedade, as dificultades das relacións de parella, a explotación dos inmigrantes no mundo occidental e mesmo a existencia (ou non) dun poder superior que rexe as nosas vidas (chamémoslle Deus, destino, ou enerxía cósmica). Os personaxes que a habitan, presos da necesidade dun constante cambio que lles permita adaptarse ás novas situacións que a peza lles vai esixindo, faranos reflexionar sobre a arbitrariedade do universo e sobre o noso papel como seres humanos nesta sociedade que, ás veces, é tan difícil de comprender.

 

PARA MÁIS INFORMACIÓN SOBRE ESTE ESPECTÁCULO PODEN VISITAR A PÁXINA WEB DE ILMAQUINARIO TEATRO: AQUÍ

TITO ASOREY

DIRECTOR DE ESCENA

ACTOR

bottom of page