top of page

O MUNDO PERSISTENTE

DE FERNANDO EPELDE

CENTRO DRAMÁTICO GALEGO-TEATRO MUNICIPAL SAN JOAO-TEATRO DONA MARIA II- ESAD-ESMAE PORTO-ESTC LISBOA

ESTRENADO EL 1 DE JUNIO DE 2016

Un dos maiores praceres que se sente como director é a posibilidade de crear un mundo posible en escena rexido polas súas propias leis. Leis que se basean na creación de convencións que funcionen como código entre o que acontece por riba do escenario e o público que o está presenciando. Este luxo que nos ofrece o teatro permítenos a tentativa de analizar o noso universo nun espazo acoutado, de escasos metros cúbicos.

Nas nosas primeiras conversas, Fernando Epelde e mais eu comezamos a precisar as temáticas que nos estaban a roldar pola cabeza neste momento das nosas vidas. Falamos entón da virtualidade, que semella ter cada vez máis presenza en nós (ata o punto de que todas as nosas conversas para este proxecto tiveron lugar a través dunha cámara web); dos recordos en papel dos nosos avós e avoas, que gardamos coma tesouros; de Henry D. Thoreau e a súa teoría sobre a desobediencia civil, o individualismo e o retorno á sinxeleza como motor de revo- lución persoal; da falsa sensación de liberdade que nos podían ofrecer os videoxogos; dese recorrente sentimento de nostalxia analóxica que por veces nos invadía aos que, debido á idade, aínda puidemos coñecer o mundo sen Internet.

Todos eses temas fóronse concretando dun xeito natural ao longo dos meses ata que foi nacendo O mundo persistente, un espectáculo creado para un equipo artístico conformado por mozas e mozos que están a finalizar os seus estudos en Arte Dramática en Vigo, Lisboa e Porto.

Traballar con actores novos é algo que sempre me resultou enormemente satisfactorio pola súa entrega, o seu gran desexo de xogar en escena e a súa capacidade de arriscar, sabendo que teñen todo por gañar e moi pouco que perder. Todas estas características pódense facer extensibles ás mozas e mozos que completan o equipo artístico, cuxas achegas, deseños e propostas fan que este mundo persistente se converta nun mundo posible.

O mundo persistente podería ser a historia (si, é desas pezas que contan unha historia) dunha cuadrilla de amigos que fai unha viaxe. Si, coma Os Goonies. Pode que sexa un intento de imaxinar un mundo futuro certamente distópico. Si, coma Fahrenheit 451. Tamén poderiamos dicir que é a historia dun revolucionario que trata de ofrecerlles aos rapaces un novo modo de ver o mundo. Si, coma O club dos poetas mortos. Quizais alguén vexa a historia do paso do interior do espello ao seu exterior, nun reverso da Alicia de Carroll, ou unha sorte de versión de Peter Pan e os seus nenos perdidos

bottom of page